Concepción Arenal

24.4.16




Filla dun militar liberal orixinario da montaña santanderina, Ángel del Arenal, e de Concepción Ponte Tenreiro, de ascendencia aristocrática galega. A súa infancia estivo marcada pola persecución, represión e desterro que sufriu o seu pai a causa das súas ideas liberais, e pola súa morte prematura a consecuencia delas. Estudou en Madrid, nun colexio para señoritas, cun tipo de educación para nenas de clases acomodadas que máis tarde ela mesma se encargaría de someter a severa crítica por tratarse da "arte de perder o tempo". Mais a maior parte da súa cultura e formación acadouna de xeito autodidacta, especialmente a través da lectura, á que se afeccionou polo contacto coa biblioteca que a súa familia paterna tiña en Armaño (Santander), lugar a onde se trasladou coa súa nai e as súas dúas irmás tras quedar orfa de pai, e a onde regresou para coidar da súa avoa Jesusa cando esta enfermou. Tiña vinte e un anos cando morreu a súa nai. 

É bastante probable que asistise á Universidade disfrazada de home, ás aulas da carreira de Dereito, xa que nese momento non se permitía legalmente o acceso das mulleres aos estudos superiores en España. En 1848 casou con Fernando García Carrasco; a parella compartiu inquedanzas e traballo intelectual e tivo unha filla, Concepción, que morreu antes de cumprir os dous anos, e dous fillos, Ramón e Fernando. Despois do derradeiro parto a saúde de Concepción Arenal quedou delicada para o resto da súa vida. Quedou viúva aos trinta e sete anos e o seu fillo Ramón tamén morreu prematuramente. 

Foi nomeada "visitadora de prisións de mulleres" en 1863, posto que foi suprimido definitivamente dez anos despois. Na Coruña trabou unha grande amizade con Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina. Concepción Arenal asistía á tertulia que organizaba a condesa na súa casa da rúa Real e as dúas promoveron unha asociación para visitar as mulleres presas chamada das "Magdalenas". Concepción Arenal escribía cartas dirixidas ás reclusas nas que explicaba o contido do Código penal daquela vixente (o de 1850) e comentaba algúns artigos, especialmente os que facían referencia a delitos cometidos por mulleres. Juana de Vega era a que se encargaba de lerlles esas cartas ás presas mentres Concepción Arenal se dedicaba a observar as actitudes destas durante a lectura.
As dúas últimas décadas da súa vida pasounas co seu fillo Fernando, primeiro en Xixón e, tras un breve paso por Pontevedra, en Vigo. Foron anos de moi intensa actividade social e intelectual malia o seu precario estado de saúde. Salvo pequenos períodos e por motivos de empeoramento da súa saúde, Concepción Arenal non deixou de escribir, estudar e revisar as súas propias obras e ideas, até o fin da súa vida. Boa proba diso constitúea a súa ampla bibliografía, que se agrupa, fundamentalmente, ao redor de tres grandes temas: as denominadas "cuestión social", "penitenciaria" e "feminina". A súa obra tivo repercusión internacional malia que Concepción Arenal non saíu nunca de España. Porén, enviou informes a congresos internacionais que foron obxecto de unánime aplauso por parte dos expertos alí presentes; colaborou en publicacións e libros editados en francés e inglés; ilustres personaxes do ámbito penal e penitenciario, como Roeder e E. C. Wines, eloxiaron a súa obra e persoa; libros seus, como El visitador del pobre e El visitador del preso, foron traducidos a outras linguas.

Un elemento esencial para comprender tanto a súa vida como a súa obra constitúeo a súa proximidade ao ideario liberal e krausista; malia a orixinalidade do seu pensamento destacan esas influencias, que tamén tiveron un papel importante no plano afectivo a través do seu contacto con destacadas personalidades liberais da época, coas que compartiu a un tempo relacións de amizade e proxectos de carácter social e intelectual, como o seu amigo e cuñado Manuel de la Cuesta, Salustiano Olózaga, Juana de Vega, Fernando de Castro, Francisco Giner de los Ríos, Gumersindo de Azcárate, etc.


Fonte: http://www.culturagalega.org/album/detalle.php?id=38&autor=Concepci%F3n%20Arenal

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grey Sketch Heart