Amparo Alvajar

24.4.16

A noticia da morte en Monçao de Amparo Alvajar en abril de 1998 puña fin a unha biografía que só cuns poucos datos conseguía sorprender e perturbar. Sorprendía que case nada se soubera desta muller tradutora, escritora, directora teatral e funcionaria internacional que se tivera que exiliar despois do golpe militar. Amparo a través de toda a súa vida posuía unha imaxe moderna, audaz e tamén un tanto misteriosa, talvez porque agochaba unha intensa biografía en que a dor non estaba ausente. 

Nacera na Coruña o 8 de agosto de 1916, no berce dunha familia republicana creada polo xornalista César Alvajar e Amparo Jean, destacadas personalidades da cidade. Como correspondía pola súa orixe, Amparo gozou nos anos da República da activa vida cultural e política da Coruña e mesmo traballou de funcionaria no Concello. Colaboradora de Casares Quiroga, marchará con el a Madrid como persoa de confianza do seu despacho. Será desde a capital española desde onde, despois do golpe militar, teña que fuxir para Valencia, cidade onde casará con Arturo Cuadrado e terá a súa filla Silvia, que morre ao pouco de nacer a causa dunha pneumonía. Como acontece con todos os membros da súa familia, o exilio é o destino obrigado e, despois de pasar por diversas cidades francesas, foxe para Bos Aires en 1939 a bordo do vapor Massilia, no que embarcarán tamén outros deportados como a propia Mariví Villaverde, quen lembra como unha ambulancia agardaba a unha Amparo novamente preñada no porto bonaerense. Ingresa de inmediato nunha clínica pero, despois da longa e dura travesía, o neno nacerá morto. 

Na capital arxentina, Amparo traballa como tradutora de escritores ingleses e franceses e estrea con éxito dúas obras de teatro da súa autoría -El balcón de los Lester eAmada y tú-, nas que se ocupa tamén da dirección de escena, en colaboración con Agustín Caballero. A traxectoria de Alvajar continúa vencellada a distintas organizacións internacionais, primeiro como tradutora da ONU en Nova York, traballando no Correo da Unesco en París e, por volta de 1960, como funcionaria nas oficinas da Organización Mundial do Traballo en Xenebra, cidade cun importante movemento teatral, onde dirixiría obras de Lope de Vega, Moratín, Buero Vallejo ou García Lorca. Durante todo o seu exilio, Amparo continuará mantendo os seus ideais republicanos e en 1961 concédenlle a "Orde da Lealdade á República Española", da que é nomeada "cabaleiro". 

"Cunha obra moi disgregada polas circunstancias, é unha das mulleres de formación intelectual máis traballada da Galiza de hoxe e unha importante escritora, con obra feita e tamén espallada nunha e outra cidade, Bos Aires, Nova York, París, Xenebra" destacou dela Luís Seoane ao tempo que anunciaba que, nos anos setenta, Amparo matinaba "traballar novamente para Galiza desde fóra, aínda que non deixou endexamais de traballar para ela, como ocorre con moitos escritores e artistas da xeración cuxa obra foi feita, por circunstancias especiais, no estranxeiro e moitas veces nas peores condicións. Unha obra non rexistrada aínda na súa totalidade, en ningunha publicación galega actual". A súa irmá Ana María Alvajar relata nas súas memorias Soltando lastre(Ediciós do Castro) o tempo que compartiu con Amparo. De especial relevancia son as cartas recollidas no volume que tamén ela preparou, Notas sobre Amparo Alvajar, exiliada gallega (Ediciós do Castro). Lembraba Ana María que os irmáns Alvajar -Amparo, Javier, Ana María e Teresa- só se volveran atopar, despois de 1936, en París en 1955 con motivo do falecemento do seu pai, César Alvajar. Diciamos que a súa morte descubriu tamén un personaxe perturbador porque Amparo levaba xa tempo vivindo nunha casa en Monçao, xusto na fronteira que nunca máis quixo atravesar. En silencio, como foi a volta de tantos exiliados e exiliadas. O casarón escollido para pasar os seus últimos días era case infranqueable, segundo comentaba a súa irmá Ana María, que intentaba con forza manter o contacto con ela. Amparo, a muller que percorrera medio mundo, procuraba que a súa porta se mantivese sempre pechada.


Fonte: http://www.culturagalega.org/album/detalle.php?id=40&autor=Amparo%20Alvajar

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grey Sketch Heart